Login to your Account

Do not have an account yet? Create one

I lost my password. Please email it to me

Looking for something specific?

Glosario

A

Augaforte: técnica artística de gravado con ácido na que se emprega como mordente unha solución ácida que recibe o nome de “augaforte”, constituída por cinco partes de auga e unha de ácido nítrico.

Augatinta: técnica de gravado artístico empregada habitualmente en combinación con outras -augaforte e punta seca- e cuxo proceso é similar ó da augaforte, co obxectivo de conseguir tons planos e texturas. Xorde do desexo de recrear nos gravados o efecto das augadas e as acuarelas.

B

Baritado: dise dunha tipoloxía de papel fotográfico. Trátase dun papel clásico para o branco e negro usado na fotografía de calidade, sendo a súa durabilidade a máis alta, pois supera os cen anos.

Bon à tirer (“BAT”): galicismo usado en gravado artístico e que significa “válido para imprimir”, figurando na proba coa que o artista queda satisfeito e que servirá de modelo para a súa posterior tiraxe.

Buril: ferramenta metálica, cuxo extremo presenta unha sección en forma de “V”, que é usada polo gravador para realizar fendeduras e sucos nas pranchas en relevo de gravado artístico.

C

Contafíos: lupa de pequeno tamaño usada en artes gráficas e que permite examinar o detalle máis fino de orixinais, impresos, etc. Con ela poderiamos distinguir, por exemplo, un gravado orixinal dun offset.

G

Golpe seco: técnica de impresión ou acabado, consistente en imprimir imaxes ou letras mediante presión cun cuño e contracuño, sen usar nin tinta nin verniz, de aí o de “seco”, sobre unha superficie para deixar unha marca ou relevo. Tamén chamado cuño seco, algúns exemplos deste tipo de impresións atopámolos nos selos das antigas fotografías.

Gramaxe: é a densidade do papel medida en gramos por metro cadrado. Xeralmente, canto maior sexa a gramaxe mellor será a súa calidade.

Graneador: instrumento usado no gravado a mediatinta (tamén chamado gravado “á maneira negra”) cuxa folla semicircular dentada, ó aplicarse sobre a lámina de cobre, deixa as marcas dos dentes sobre a superficie.

Gubia: ferramenta en forma de media cana usada para os traballos delicados en madeira.

I

Intaglio: é o proceso de impresión a través do cal a imaxe se transfire ó papel grazas á tinta acumulada nas incisións dunha placa de metal. A augaforte e a augatinta serían bos exemplos.

L

Lapis litográfico: lapis de mina graxa que se emprega para debuxar sobre pranchas litográficas.

Linografía (ou linogravado): método de gravado artístico, moi semellante á xilografía, que usa o linóleo como material para a prancha, gravada con burís e instrumentos similares. Sen embargo, será precisamente a súa maior ductilidade e brandura con respecto á madeira o que, a pesar de facilitar o traballo, faga tamén que a prancha sexa menos resistente á presión, ó tempo que dificulta a finura no detalle.

Litografía: técnica de estampación en plano onde a prancha, porosa, é de pedra caliza. Sobre ela debúxase cun lapis graxo, humedecendo a prancha antes de entintala. A agua repelerá a graxa da tinta empregada neste proceso, atraída pola graxa que deixou o debuxo sobre a prancha.

M

Media tinta: o gravado a media tinta ou “á maneira negra” é unha técnica artística de gravado en oco (intaglio) coa que se conseguen matices e claroescuros. É un proceso longo e tedioso, onde se empregan como instrumentos distintos tipos de raedores e o graneador de media tinta. O desgaste da prancha de cobre durante a estampación impide a reproducción dun gran número de exemplares.

Mordente: substancia ácida usada nos gravados con pranchas metálicas para rebaixar (“morder”) o grosor da mesma e así gravar o motivo.

O

Offset: método de impresión indirecto, onde o soporte non ten contacto coa matriz. A tinta pasa da prancha a un cilindro, que actuaría así de intermediario entre aquela e o soporte.

P

Prancha (ou matriz): peza que rexistra o deseño e que, unha vez entintada, trasladarao, directa ou indirectamente, ó soporte final.

A superficie da prancha pode traballarse en baixorrelevo, con ocos onde se aloxará a tinta (ocogravado); en altorrelevo, con zonas máis elevadas onde irá a tinta (tipografía); practicando buratos, concibidos coma ocos nunha malla (serigrafía); establecendo zonas repelentes á tinta (litografía); etc.

Os diversos materiais dos que poden estar feitas as pranchas servirán tamén para distinguir algunhas destas técnicas.

Proba: aquela obra ou serie previa á versión definitiva, realizada co obxectivo de coñecer, de antemán, o resultado final, e incorporar as modificacións que se estimen oportunas. Existen diferentes tipos de proba (épreuve, en francés).

Proba de artista: cada unha das impresións realizadas polo artista unha vez concluído o deseño da imaxe. Estas probas de artista serven para facer estudos de cor, formato, papel, etc. Aínda que tamén poden ter como obxectivo analizar as posibilidades de comercialización e mostra en exposicións. Estas probas de artista (épreuve d´artiste, en francés) van marcadas coas letras P/A ou P.A.

Proba de cancelación: tamén chamada de terminación da edición, é aquela que garantiza que non se farán máis copias.

Proba de estado: cada unha das probas que o artista vai realizando para coñecer, gradualmente, a evolución da súa obra, decidindo así as intervencións posteriores. Trátase de probas inacabadas, únicas na súa imperfección, que amosan, en conxunto, o progreso do propio proceso artístico. É habitual que vaian marcadas de modo que se identifiquen como probas (P.E.). En francés coñécense como épreuve d´essai.

Punta seca: técnica artística de gravado en oco sobre unha prancha metálica a través dun instrumento de punta fina moi afiada, co que se practican pequenas incisións e liñas.

S

Serigrafía: técnica de impresión artística na que a tinta se aplica a través dunha malla ou pantalla, onde se enmascaran, con algunha substancia que impida o paso da tinta, aquelas zonas que non se deben imprimir. O paso da tinta fórzase premendo coa rasqueta, nun movemento que percorre por completo a malla de arriba a abaixo.

Soporte: é o material sobre o que se imprime, normalmente papel, cartolina ou cartón.

T

Tiraxe: número de exemplares dos que consta unha edición, xa sexa de gravados, esculturas, fotografías, etc.

Trama: son as texturas de puntos que, en artes gráficas, se usan para simular diversas cores e tons, variando, para iso, o seu grosor ou dispersión. A existencia desta trama permitiría identificar un traballo offset.

X

Xilografía: trátase dunha das técnicas de gravado máis antigas, onde a matriz é unha superficie de madeira, xeralmente dura, coma a de pereira, cerdeira ou buxo. Para o gravado das pranchas úsanse gubias e burís.